Este venres, 6 de febreiro, celebrarase no Auditorio de Baio ás 20:00 horas a presentación do libro ‘Toponimia de Zas’, do autor Xosé María Lema Suárez. A obra está impulsada pola Real Academia Galega e o Concello de Zas.
A publicación convértese no sexto libro impulsado co apoio do Concello de Zas, sumando tanto as edicións propias como as colaboracións municipais en proxectos editoriais, unha liña de traballo que reflicte o compromiso coa promoción da cultura e da lingua galega.
No acto intervirán, ademais do autor, presentado por Evaristo Domínguez, o alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín; Antón Santamarina, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega; e Ana Boullón, da Asociación Galega de Onomástica.
‘Toponimia de Zas’ forma parte da colección Terra Nomeada da Asociación Galega de Onomástica da Real Academia Galega e afonda nas orixes etimolóxicas de 117 lugares e máis de 20 espazos xeográficos do municipio da Terra de Soneira, contribuíndo á preservación e difusión do patrimonio inmaterial do territorio.