O Auditorio de Baio acollerá este sábado a presentación do libro ‘As tolas que non o eran’

O Concello de Zas organiza este sábado, 25 de abril, a presentación do libro ‘As tolas que non o eran. Mulleres no Manicomio de Conxo (1885-1936)’, da autora de Baio Carmen V. Valiña. O acto terá lugar no Auditorio de Baio a partir das 20:00 horas, con entrada libre e gratuíta.

Na presentación participarán o alcalde de Zas, Manuel Muíño; a propia autora e veciña de Baio, Carmen V. Valiña; e a directora do IES Maximino Romero de Lema, Ana Facal. Esta actividade enmárcase dentro do ciclo cultural sobre memoria e identidade ‘Mulleres e Territorio’, organizado polo Concello de Zas co obxectivo de poñer en valor o papel das mulleres na historia e na sociedade.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou a relevancia desta cita, comentando que “é fundamental dar voz ás mulleres que foron esquecidas e promover espazos de reflexión como este”. Na mesma liña, o rexedor engadiu que “o ciclo Mulleres e Territorio nace coa vontade de reforzar a nosa identidade colectiva desde unha perspectiva máis inclusiva e xusta, e actividades como esta contribúen a enriquecer o tecido cultural do noso concello”.

Carmen V. Valiña é doutora en Historia Contemporánea e profesora na Universidade Europea Miguel de Cervantes, ademais de creadora e directora de PeriFéricas, Escola de feminismos alternativos. A súa traxectoria combina a investigación sobre a memoria das mulleres anónimas dos séculos XIX e XX cunha destacada faceta como escritora de ficción, na que as lembranzas, o mundo rural e a autobiografía ocupan un lugar central.

Dende 2021, as mulleres internas no manicomio de Conxo convertéronse nas protagonistas da súa obra, retratadas neste ensaio publicado por Galaxia en 2025. Ademais, en 2024 participou na Residencia Mariñán de Literatura e Pensamento e na Residencia Literaria da Illa de San Simón, experiencias que lle permitiron rematar a obra Illa de Sangue (Galaxia, 2025), gañadora do Premio Narrativa Breve Repsol 2025.

Related posts

A Deputación da Coruña apoia a posta en valor das cabeceiras do río Xallas

O Consello da Xunta aproba o decreto para que os PAC abran os sábados, domingos e festivos

Carballo dá o paso definitivo para a integración da Pedra Moura de Aldemunde no Parque do Megalitismo