O Auditorio municipal de Cabana acolleu na mañá deste luns un dos encontros informativos do programa ‘Construíndo Fogar’, organizado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.
A finalidade da xornada foi a achega de información sobre as liñas de axuda de vivenda do ente autonómico, así coma dos requisitos que as persoas beneficiarias de cada subvención deben cumprir, alén, dos trámites que deben realizar ante para acceder aos incentivos dispoñibles na convocatoria de 2022, tanto dos programas xa abertos, como daqueles pendentes de publicar a súa convocatoria. No evento, que foi aberto ao público, as persoas asistentes tiveron a opción de achegar todas as súas dúbidas en relación ás liñas comentadas polo director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto.
O acto contou coa presenza de Ánxeles Vázquez, Conselleira de Medio Ambiente; Gonzalo Trenor, delegado da Xunta de Galicia na provincia da Coruña e José Muíño, alcalde do Concello de Cabana.
O rexedor quixo agradecer a presenza “de todas e todos os presentes”, destacando esta liña de axudas “nun dos contextos máis complexos que nos tocou vivir, cunha cruenta guerra en Ucraína e unha pandemia que, semella, veu para quedarse”, destacando “o compromiso da Xunta de Galicia nun dereito básico como o é a vivenda”.
Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, avanzou que “será un pracer como delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña que, cando fagamos balance das axudas, o maior número de solicitudes teñan sido nesta provincia, porque significará que a información chegou dunha maneira correcta”.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, quixo agradecer tamén “a presenza de todas as persoas que estiveron neste acto” e enfatizou que “quedamos á vosa disposición, porque podemos darlle un cambio moi importante a Galicia e entre todas e todos ímolo conseguir”.
