O aumento do caudal dos ríos causa inundacións puntuais en Valga, Caldas de Reis e Cuntis

Caldas de Reis_Fonte: Twitter Protección Civil Caldas de Reis

  • Os desprendementos de terra e a formación de bolsas de auga tamén foron algunhas das consecuencias das fortes chuvias

O aumento do caudal dos ríos por causa das precipitacións deste mércores provocou que nalgúns casos houbera problemas na circulación, tal e como destaca o 112 Galicia.

Foi o caso da N-640, ao paso por Caldas de Reis, que sufriu as consecuencias da chea do caudal do Río Follente e iso complicou o paso de vehículos pola zona. No operativo foi necesaria a colaboración entre membros de Protección Civil, axentes da Garda Civil e equipos de limpeza e mantemento de Fomento.

Os servizos locais de Protección Civil de Valga actuaron tamén en diferentes puntos do municipio para mitigar os efectos do suba do caudal dos ríos Louro e Valga. Esta situación ocasionou o asolagamento e mesmo o corte da circulación dalgunhas estradas de carácter local. Concretamente, os lugares que se viron afectados no concello de Valga foron Baño, Fondón e O Forno.

Tamén, en Outes, unha casa resultou asolagada na Travesía do Conchido e un desprendemento de terra e pedras afectou á DP-6201. Igualmente, rexistráronse varios incidentes en Boiro debido á caída de árbores, aos desprendementos de terra e pedras e á formación de bolsas de auga en Praia Xardín e Abanqueiro; e, en Cuntis, os servizos municipais necesitaron cortar un tramo da PO-220 ante a cantidade de auga acumulada na vía.