Este sábado, 18 de xaneiro, celebraranse no pavillón Carballo Calero dúas novas xornadas da Liga de Babybasket, da Federación Galega de Baloncesto. Serán as dúas primeiras citas para os xogadores da Delegación Coruñesa, que esta temporada, polo gran numero de equipos inscritos (33), decidiu estruturar a competición en dous grupos. Esta fin de semana a organización recae no Club Baloncesto Artai, que conta co apoio do Concello de Carballo. Máis adiante será a Escola de Basket Xiria quen asuma esa organización.
Na rolda de prensa de presentación da xornada, este xoves na Casa do Concello de Carballo, estiveron presentes o alcalde, Evencio Ferrero;o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo; Macarena Mato, directora do CPR Artai; Arturo Ferraces, director deportivo da EB Xiria, Joaquín Moreira, presidente do CB Artai e Primitivo Reguera do EB Xiria.
Será unha excelente ocasión para ver como dan os seus primeiros pasos os xogadores máis novos dos clubs (nacidos do 2012 ao 2015) nun evento de formación, onde o de menos é o resultado e que se disputa nun formato especial de catro contra catro en dous tempos de doce minutos, sen árbitros nin resultado final. É a terceira ocasión na que se celebra esta competición en Galicia.
Os partidos, entre as 10 e as 14 horas, reunirán a 180 xogadores de estes 16 equipos: Liceo La Paz, Calasanz C.D., Básquet Coruña Baby Blanco, Básquet Coruña Baby Amarillo, C.B. Artai A, C.B. Artai B, C.B. Artai C, EDM Pequebasket Ponteceso Xiria, Escola Basket Xiria Pequebasket Xiria Verde, Escola Basket Xiria Pequebasket, C.B. Laracha Pan y Díaz, Club A.A. Dominicos, Club Baloncesto Cambre, C.B. Golfiños de Sada e C.B. Golfiños de Sada Golfiños.
