O Balneario de Carballo reabre este xoves tras máis dun ano sen actividade

Balneario Carballo_GOOGLE MAPS

  • As instalacións adheríronse ao programa ‘Verán Termal’ de Turismo de Galicia

O balneario de Carballo, o único da Costa da Morte, abrirá de novo as súas portas este xoves 22 tras máis dun ano pechado debido á situación sanitaria e ás restricións. Esta reapertura chega despois de sumarse ao ‘Verán Termal’, un programa impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Turismo, para desestacionalizar a oferta termal galega e reactivar o sector.

A presentación da iniciativa tivo lugar este venres no Balneario Termas de Cuntis e contou coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño.

‘Verán Termal’ inclúe propostas de estadías cun programa especial en 12 balnearios galegos situados nas catro provincias. En total ofértanse 792 plazas, 66 para cada unha das instalacións participantes, que os interesados poderán reservar directamente nos balnearios.

Este programa, que se desenvolverá entre o 19 de xullo e o 30 de setembro, vai dirixido á poboación en xeral sen límite de idade ou orixe.