Este domingo o balonmán feminino en Carballo vive un momento moi especial que transcende o deportivo. Antes do inicio do encontro de 1ª Autonómica, o Pavillón Vila de Noia porase en pé para render unha máis que merecida homenaxe a Tamara Pombo, Natalia Solís e Aida Vizcaíno.
Estas ex-xogadoras son parte fundamental da historia do club, referentes que defenderon o escudo das Escolas Balonmán Xiria con entrega, talento e uns valores que hoxe herdan as novas xeracións da canteira. Tamara, Natalia e Aida simbolizan o crecemento e o esforzo do balonmán feminino en Carballo, deixando unha pegada imborrable tanto na pista como no vestiario durante os anos nos que foron protagonistas dos éxitos do equipo senior.
A cita será este domingo ás 18:20h, xusto antes do asubío inicial do partido do Calvo Xiria Feminino. Desde o Club, convidan a toda a afección, á familia do balonmán e a todos aqueles que compartiron quilómetros e partidos con elas, a que acudan ao pavillón para brindarlles un peche de etapa á altura da súa traxectoria. Tamara, Natalia, Aida: o Vila de Noia sempre será a vosa casa, conclúen desde o Club.