A Deputación da Coruña destina 60.000 euros para axudar ao Banco de Alimentos Rías Altas na adquisición de víveres de primeira necesidade, tras o notable incremento de solicitudes rexistrado pola entidade durante o estado de alarma.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a representante do Banco de Alimentos Rías Altas, Concepción Rey, asinaron o convenio que articula a colaboración da institución provincial con esta entidade sen ánimo de lucro, nun acto que contou tamén coa asistencia da deputada provincial Rosa Gallego. O convenio foi aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas no pleno do pasdo mes de xuño.
González Formoso destacou a gran labor social que realiza a entidade e explicou que a crise da Covid19 propiciou un forte incremento das peticións de axuda, principalmente a través dos servizos sociais dos concellos da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela. «Ademáis dos beneficiarios habituais, o Banco de Alimentos rexistrou novas peticións de 1.800 familias durante estes tres meses, o que supón uns 5.000 usuarios máis debido á crise sanitaria. A colaboración da Deputación pretende contribuír a que o Banco de Alimentos poda atender ese incremento da demanda».
Pola súa banda, a responsable do Banco de Alimentos Rías Altas agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña para facilitar a actividade dunha asociación baseada no voluntariado, que o ano pasado repartiu 2.542.760 kg de alimentos entre 171 entidades benéficas, favoercendo que 21.731 persoas podan ter acceso a un ben básico como é a alimentación e promovendo a súa inclusión social.