O tempo pasa voando e un ano máis xa están a punto de chegar as festas do barrio carballés da MIlagrosa. No mediodía deste mércores, no entorno da Capela, tivo lugar a presentación do fermoso cartel que anuncia o gran evento do barrio da Ponte, nesta ocasión o encargo recaeu na artista carballesa Laura Tova.
Laura, é unha ilustradora e deseñadora gráfica coñecida polo seu estilo poético, naíf e moi inspirado na natureza e as emocións. Traballa en proxectos de ilustración editorial, publicidade, murais, papelería e imparte talleres creativos. Ademais, ten unha tenda onde vende ilustracións e produtos de deseño propio.
O presidente da comisión, Luís Barca, avanzou que os festexos deste ano estarán marcados polas tradicionais alfombras florais. Tamén haberá unha gran sardiñada popular gratuíta, o descenso de carros de bolas e varias actuacións musicais, destacando este ano a presenza da orquestra Los Satélites.