Da man da comisión de festas o barrio carballés da Milagrosa celebrará o sábado 18 de febreiro o seu primeiro entroido e farao co lema «Re-nacemento do chorón». A parodia ten moito que ver coa desaparición do»sauce chorón» que había no atrio da Capela e que o pasado verán foi substituído por unha fonte. Para a veciñanza era unha árbore moi significativa e o seu talado deu lugar a infinidade de discrepancias tra a súa retirada.
De ahí o tema da parodia-procesión que con motivo do Entroido se poñerá en escea. O acto concluirá cunha nova plantación desta especie nunha determinada zona verde do barrio. Tal e como explicou o presidente da comisión, Luis Barca, haberá tamén infinidade de actividades baixo unha gran carpa de 480 metros cadrados, música, comida e ataccións para os máis pequenos, «tratarase que todo o mundo o pase ben e que a tradición perdure no tempo».
Xa polo miudo, a festa comezará ás 13.30 horas coa sesión vermú do grupo laxense O Tren da Unha, a partir das 16:00 horas a música correrá a cargo da Disco Móbil Impacto, cos DJs Bermúdez e Dani Varela, que volverán a actuar tras a procesión a partir das 19 horas e logo a partir da medianoite. Ás 22:00 horas actuará o dúo Óscar e Wilfred. Ademais haberá unha pulpeira e o sorteo dunha gran cesta de Entroido.
