O BBVA mellorou as condicións económicas que expón para reducir o seu persoal en España, un día despois de rebaixar a cifra de despedimentos a 2.935. Agora, ofrece prexubilacións a partir dos 53 anos, segundo informaron CCOO e UXT. Tras estes últimos avances, que chegan logo da folga deste mércores, acordouse prorrogar a negociación ata o martes 8 de xuño.
Unha das principais novidades da mellora das condicións é que o BBVA lles ofrece ás persoas de 53 e 54 anos, con dez anos de antigüidade, unha renda do 55 % do salario, convenio especial da Seguridade Social ata os 63, con revalorización do 3 % anual, e desconto da prestación de desemprego e subsidio.
Ás que están entre 55 e 62 anos, o banco está disposto a pagarlles ata o 72 % do soldo, fronte ao 70 % ofrecido ata o de agora, convenio especial da Seguridade Social ata os 63 anos, con revalorización do 3 %, xa non do 1 %, e desconto da prestación de desemprego e subsidio.
Pola súa banda, as de 63 anos ou máis seguirían percibindo unha indemnización de 20 días por ano traballado cun tope de 12 meses.
No caso de estaren entre os 50 e os 52 anos e acollerse ao plan de baixas, a indemnización fixaríase no 65 % do seu nivel retributivo anual, multiplicado por cinco, e non por catro como ata o de agora, pero igualmente cun máximo de 250.000 euros.