O Bergantiños dálle o primeiro aviso ao Deportivo (2-1)


O cadro deportivista non estivo cómodo en ningún momento no amigable de pretemporada xogado este mércores en As Eiroas e sufriu a primeira derrota do verán, nun partido no que ademais se estreou como novo delegado branquiazul Dani Regos. O Depor adiantouse no marcador, pero cometeu moitos erros defensivos que decantaron o encontro a favor do conxunto carballés. Un Bergantiños que non creou demasiadas ocasións, máis aló de varios achegamentos tras algunha das numerosas perdas deportivistas en campo propio.

En ataque, os de Borja Jiménez cargaron sobre todo polo carril esquerdo. Aguirre e un William de Camargo que luciu máis a perna cambiada tiveron presenza, aínda que o marcador abriuse polo outro costado. Saque de Mackay, toque de Quiles, asistencia de Miku e gol do propio Quiles para seguir o refacho. O duelo igualouse antes do descanso, cando Uxío aproveitou unha contra carballesa para bater a Mackay.

No segundo tempo Borja Jiménez cambiou todo o equipo, dándolle o centro do campo a Caveira, De Vicente e ao tico. Villares tivo que ser a solución de urxencia no lateral dereito para darlle a substitución a Trilli. Puido adiantarse o Dépor ao pouco de saír da caseta, pero nin Noel, que non puido resolver un man a man, nin Borges, que se atopou co porteiro local, acertaron. Chegaría o gol do Bergantiños nun desaxuste defensivo, Escobar colleulle as costas a Jaime e Lapeña para bater a Alberto cun bo disparo cruzado, 2-1.