O Bergantiños deu o primeiro golpe cara ao ascenso ante o Alondras, (3-2)


O Bergantiños F. C. pasou con nota a súa primeira proba (de seis) da fase de ascenso a Segunda B, tras gañarlle este domingo ao Alondras C. F., terceiro clasificado do Grupo 1 B da Terceira División, por tres goles a dous en partido xogado ás 17:00 horas en As Eiroas. O equipo carballés tivo que remar co marcador en contra toda a primeira metade, tras un gol temperán do equipo visitante no minuto 7. A cousa agravaríase nada máis dar comezo a segunda parte, o Alondras volvía marcar no minuto 48 e avocaba a unha remontada épica ao conxunto local, e así foi. Un gol de Cano no 57 metía de novo no partido ao Bergantiños, que tras os cambios de Concheiro e Lamelas por Uzal e Duque, poñía táboas no marcador 2-2 e a vitoria máis crible, que chegaba das botas de Cano no minuto 90, 3-2, e un paso máis adiante do equipo que dirixe José Luis Lemos Ameneiro, de cara aos obxectivos do ascenso.

Na loita pola permanencia a SD Fisterra gañoulle na casa ao Ourense por 2-1. E o Paiosaco-Hierros empatou 0-0 na Porta Santa ante o Barco.