O Bergantiños fai un chamamento de apoio ao equipo este domingo nas Eiroas

1 minutes read

O clube carballés emitiu un comunicado solicitando que afeccionados, simpatizantes e público en xeral fagan piña este domingo ás 17:00 horas arroupando ao equipo nas Eiroas, no encontro que disputará ante o CD Laredo. Ambos equipos están nunha situación complicada na táboa clasificatoria en postos de descenso, o CD Laredo con 23 puntos no posto 14, e o Bergantiños con 16 puntos no posto 16.

Con este chamamento tratarase de entre todos facer unha piña de forza en partidos que a partir de agora poden ser transcendentais para manter a categoría, logo dunha moi mala racha de resultados nas últimas xornadas, e que segundo o mister, José Durán, neste caso se prevé un partido «igualado e complicado».

Para facelo todo un pouco máis doado cada socio poderá levar ao campo un acompañante de balde, ademais os integrantes da canteira arrouparán ao pimeiro equipo coa súa presenza e perfectamente uniformados, podendo tamén levar a outro acompañante de balde. Por todo, espérase que As Eiroas presente unha potente asistencia de público cun ambiente de gala propio das mellores citas.

O estadio estará de estreo, para esta ocasión poñerase en marcha un novo sistema de iluminación consistente en catro torres a estrear de 24 metros de altura cada unha que contarán con 40 proxectores de iluminación led de última xeración, tipificada de clase I, a máis alta, que se corresponde coas competicións de alto nivel nacionais e internacionais. Deste xeito a iluminación artificial do campo de fútbol será uniforme e evitará posibles problemas de deslumbramento de xogadores/as, equipo arbitral e espectadores/as.

Previa do adestrador José Durán