O Bergantiños FC pide paso á Segunda B


Este domingo xogouse o encontro da decimonovena xornada da Terceira División, o cal puxo en escena futbolística ao Bergantiños FC e ao Estudantil Vista Alegre en As Eiroas. O equipo carballés voltou a demostrar con goles e con xogo porqué é o actual líder da categoría, tras o gran paso a domicilio, con remontada incluída, contra o Fabril en Abegondo na última xornada. O equipo que dirixe José Luis Lemos Ameneiro chegaba con moitas ganas e máis que motivado á cita na casa fronte ao Estudantil. Máis se cabe, polo regreso do público a As Eiroas. 180 persoas completaron as prazas autorizadas para un encontro onde o conxunto carballés mesmo podería proclamarse campión de liga se o Somozas perdía co Arzúa, pero ao final empataron. En calquera caso o Bergan segue con paso firme cara ao seu obxectivo. Un gol de Duque no minuto 34 adiantou ao conxunto local, Cano sentenciaría o encontro no minuto 13 do segundo tempo. Ao final 2-0 e o Bergantiños FC afiánzase como candidato número un á fase de ascenso a Segunda B.