O Bergantiños FC proclámase campión en Fisterra


Celebración do Bergantiños F.C.

O estadio Ara Solis de Fisterra foi este domingo escenario da festa do fútbol de Terceira División grupo norte. O equipo carballés dirixido por José Luis Lemos Ameneiro chegaba en refacho, despois de moito traballo, coa oportunidade de regresar a Carballo como campións a falta de dúas xornadas para que conclúa a primeira fase, e así foi. Condicións inmellorables as que presentaba Ara Solis, nunha tarde asollada para un derbi de altura entre dous conxuntos con aspiracións ben diferenciadas. Lemos xa avanzaba na previa que loitaría polos tres puntos, pero tamén lembraba os méritos do rival, como un equipo sólido e moi competitivo. Case trescentas persoas déronse cita na bancada, moitas viaxaron desde Carballo, para presenciar este partido. O encontro estivo bastante igualado nos primeiros minutos, o primeiro gol do Bergantiños facíase esperar, ata que Cano no minuto 42 abría a lata. O equipo local non tiraba a toalla e mesmo dispuxo dalgunha que outra ocasión clara de gol. Tras a insistencia chegou a recompensa, empatando o encontro no ecuador da segunda parte. Minutos máis tarde Martín Lamelas marcaba o definitivo 1-2, que daba a vitoria e o campionato de zona ao Bergantiños F.C. Con este resultado o Bergantiños é primeiro na táboa con 47 puntos e o Fisterra ocupa o décimo posto con 16.