O Bergantiños FC recibe un recital na casa do Arousa (3-1)


O Arousa deu un gran paso cara ao ascenso tras noquear ao líder este domingo na Lomba, un Bergantiños FC que avisou primeiro cunha falta lateral nada máis comezar o encontro, poñendo en apretos a Álex Cobo. Na xogada seguinte, despois dun erro defensivo, Pedro Beda rematou a porta baleira e puxo o 1-0, adiantando ao conxunto local aos tres minutos de xogo. O Arousa ampliou o seu marcador aos 18 minutos, Javi Fontán sacou un centro lateral desde a dereita e Kilian bateu co interior desde o punto de penalti. O Bergantiños insistía antes do descanso con numerosos centros, pero sen capacidade de acerto para reducir distancias. Tras a continuación o Arousa endosou o 3-0 no minuto 55 por mediación de Pedro Beda, ao cabecear a pelota tras un saque de esquina. Sería no minuto 63 cando con máis rabia que xogo Martín Lamelas fixo un bonito gol desde fóra da área logo dunha gran xogada individual. Finalmente, 3-1, e tres puntos máis para un Arousa que segue cuarto e medirase ao Somozas na seguinte xornada, pola súa banda o equipo carballés recibirá no seu feudo ao Arenteiro, ante unha nova “final”.