O Bergantiños finaliza a liga ás portas do playoff nun meritorio sexto posto


O Bergantiños FC xogou este domingo en Vilagarcia contra o Arousa o seu último partido de liga desta tempada na Segunda RFEF. O partido arrincou de maneira favorable para o Bergantiños, que estreou o luminoso cun gol de Chapu Brunet no minuto 17, concluíndo a primeira metade cun 0-1 no marcador. Na segunda metade chegou o gol para o once vilagarcián, que conseguiu o empate por mediación de García aos 73 minutos. Apuntar que Santi Canedo paroulle un penalti ao Arousa no minuto 88. Terminando o encontro cun resultado de 1-1.

O conxunto carballés fixo unha moi boa tempada e mesmo chegaba a terras pontevedresas con opcións de meterse entre os cinco primeiros clasificados e poder xogar o playoff de ascenso a Primeira RFEF. Pero non o tiña fácil porque non dependía de si mesmo e ademais enfrontábase a un Arousa ao que só lle valía gañar para ter algunha opción de permanencia. Ao final, nin unha cousa nin a outra, o Arousa descendeu debido ao resultado positivo dos seus adversarios e ao Bergantiños tampouco lle valería a vitoria, en parte tamén á moi boa tempada dos equipos de arriba, entre os que destacou o Coruxo que se coou por ecima con 52 puntos.

O Bergantiños deu entrada a Jorge Cano, Antón e Martín Lamelas por Boedo, Charly e Yelco Alfaya e por parte do Arousa substituíuse a García, Mon, Luís Nuño, Fajardo e Rober por Martín, Pedro Beda, Campillo, Porrúa e Diz. O colexiado amoestou con tarxeta amarela a Campillo por parte do equipo local e a Iago por parte do equipo carballés.

Despois de acabar a competición con este empate, o Bergantiños queda situado no sexto lugar da táboa clasificatoria con 49 puntos, posto que o honra moito tras ser un recén ascendido á categoría. Pola súa banda, o Arousa queda no décimo séptimo posto con 39 puntos, ocupando un lugar de descenso a Terceira División RFEF.