O Bergantiños FC pechou este domingo en Palencia unha semana fantástica de xogo e resultados, tras gañarlle o derbi ao Compostela o día 20 de febreiro (3-2) e empatar en Móstoles o día 27 (1-1), o pasado día 6 vencía ao Leganés en As Eiroas (1-0) e facía o propio o mércores ante o Salamanca (2-1), en partido atrasado pola covid. O vivido este domingo en Palencia foi de graza, o equipo carballés comezou perdendo tras a apertura do marcador do Palencia Cristo Atlético por mediación de Frodo no minuto 13, (1-0). Dous minutos máis tarde Boedo empataba o encontro, (1-1). No 23, Adri establecía o 2-1 e no 39 Álvaro complicáballe máis aínda a existencia aos de Lemos tras establecer o 3-1, co que finalizaba o primeiro tempo.
Con tres a un en contra no descanso, e mostrando unha mala imaxe no Nova Balastera, todo facía presaxiar que a visita do Bergantiños á capital palentina saldaríase cunha derrota. Pero nun segundo tempo espectacular, o conxunto carballés deulle a volta ao marcador, con goles de Remeseiro no minuto 61, de penalti, (3-2), o empate de Boedo no 76, (3-3), a remontada de Christian no 80, (4-4) e de novo Christian sería o encardado de poñer o broche de ouro ao partido, a xornada e a semana fantástica, para finalizar goleando por tres a cinco. Con este triunfo o Bergantiños suma 41 puntos e está situado en postos de promoción de ascenso a 1ª RFEF. Pero o seu técnico, José Luis Lemos Ameneiro, prefire ir aos poucos.
«O próximo rival, o Arenteiro, está en bo momento, fóra do descenso. Temos idea de manternos aí, ser ambiciosos e logo ver onde nos coloca o fútbol. Se temos unha virtude neste grupo é que non nos poñemos metas, pensamos en gañar cada partido. Non contaban con este equipo e estamos a nos facer un nome na categoría», declarou o míster do Bergantiños ao final do partido.