O Bergantiños perde pola mínima ante o Valladolid Promesas (0-1)


Decidiu a contenda un córner cabeceado por Víctor Rofino no ecuador do segundo tempo. O resultado puido ser máis claro para un filial valisoletano que xogou mellor e enviou dous balóns á madeira. O Promesas foi de menos a máis e impoñendo superioridade en mediocampo cun Pozo en modo estrela, polo que pasaron todas as xogadas de perigo. El mesmo tivo unha clara no 33, tras un contragolpe de Quintana, pero o seu remate rexeitouno a defensa. José Luis Lemos, tentou cambiar o guion metendo a Juan Brunet e Iván Garrido, pero o Promesas seguiu ben asentado e xogando moito en campo contrario. O premio chegou no minuto 66: un córner lanzado por Maroto desde a esquerda cabeceouno picado Víctor Rofino na área pequena, elevándose por encima de todos para enviar o balón case chorando ao fondo da rede. Foi o único tanto do encontro en As Eiroas. O Bergantiños animouse algo máis desde a entrada de Boedo, que tivo varios achegamentos perigosos á portería de Meykher. O Bergantiños tratará de volver á senda da vitoria no seu próximo duelo contra o Laredo a domicilio.