A falta de seis xornadas para finalizar a liga regular para o primeiro equipo do Bergantiños FC, o club pon en marcha unha serie de iniciativas para facilitar e animar aos socios e socias e afeccionados a “asolagar” o vindeiro domingo, 10 de abril ás 17:00 horas, o Estadio Municipal de As Eiroas.
O Bergantiños FC é consciente da importancia da presenza da súa xente para que o equipo siga loitando polas prazas de promoción de ascenso, que na actualidade ocupa o cuarto posto. Un reto que sen os afeccionados non será posible conseguir, e un obxectivo que desde o club desexa vivir coas e os “vermellos” todos.
Por iso o día do partido, poñerán ao dispor de todas as persoas que queiran acudir As Eiroas, un autobús da compañía Autos Pallas que partirá desde a Praza do Concello de Carballo (Gran Vía zona carga e descarga do mercado) ata o estadio municipal. Será totalmente gratuíto e estará dispoñible desde as 15:45 ata o inicio do partido con hora de saída cada 15 minutos. Para a volta poderán dispoñer do mesmo servizo unha vez finalizado o encontro ante a Ximnástica Segoviana, con parada na mesma zona de recollida.
Ademais, o club fará deste domingo o día dos socios, polo que todo aquel que teña o abono da Tempada 21/22 poderá levar ao campo un acompañante gratis, así como tamén, para os que non teñan o carné de socio as entradas poderanse adquirir a un prezo moi reducido: 5 euros, no canto dos 15 habituais, para todos os maiores de 12 anos e será gratis para os menores de 11 anos.