O Bergantiños sumou este domingo a súa sétima derrota consecutiva tras caer por 2-0 ante o Valladolid Promesas. O conxunto carballés continúa afundíndose no descenso outra semana máis e xa se atopa a trece puntos dunha salvación que parece realmente difícil de conseguir, en todo caso o equipo de Durán mereceu máis, pero os goles de Arroio e Cedric decidiron o encontro. Tentouno ata o final o Bergantiños, pero entre o traveseiro e Yari evitaron o 2-1 logo dun fantástico remate de cabeza de Pacheco á saída dun córner onde Boedo tampouco acertou no remate. A última foi para un Remeseiro que o probou cun disparo desde a frontal que atrapou o porteiro ucraíno sen maiores dificultades.