O Bergantiños suma un punto en Salamanca

Bergantiños FC.

  • O conxunto local non foi capaz de sacar proveito á súa superioridade numérica durante máis de corenta minutos, tras a expulsión de Carlos López.

Repartición de puntos no partido disputado entre o Salamanca e o Bergantiños, ambos empataron a cero no partido celebrado este domingo no Helmántico. O Salamanca UDS chegaba ao encontro cos ánimos reforzados despois de vencer nos dous últimos encontros da competición. Pola súa banda o equipo carballés chegaba con moita ilusión ao partido tras empatar a cero a semana anterior ante o UC Ceares. O choque comezou a coller ritmo ao cuarto de hora, unha boa presión de Diego Benito puxo en problemas ao porteiro rival. Tamén tivo que aparecer o porteiro local. Javi Benítez, cunha boa estirada, evitou o 0-1 do Bergantiños antes do descanso. Aos catro minutos da continuación, unha falta de Carlos López sobre Hugo Díaz acabou coa expulsión do xogador do Bergantiños. Ao Salamanca CF UDS restábanlle corenta minutos con superioridade numérica no campo, pero non foi quen de aproveitalos para marcar. Tan só un remate de Kristian e, no rexeite, outro de Jairo estiveron a piques de romper a igualdade, pero non foi así. O tempo esgotábase e o marcador non se movería, polo que repartición de botín e un valioso punto para o conxunto de José Luis Lemos, ante un Salamanca que a priori se prevía tecnicamente superior.