O Bergantiños FC recibiu este mércores en As Eiroas a visita do Salamanca UDS para xogar o partido aprazado por covid o pasado 6 de febreiro e correspondente á xornada 20 da Segunda RFEF. O equipo visitante fixo unha boa primeira metade, aínda que o Bergantiños tamén tivo un par de ocasións claras, pero ningún dos dous equipos estivo afortunado de fronte ao gol antes do paso por vestiarios.
A segunda parte empezou inmellorable para o Salamanca, que se adiantou no marcador con un golazo de Iban Ribeiro, 0-1. Con todo, a felicidade dura pouco no club do estadio Helmántico, que viu como o Bergantiños se levantou rapidamente do golpe encaixado e nunha acción a balón parado Pablo Agulló empatou o partido, 1-1.
A falta de 30 minutos para o final, o Bergantiños consolidou o seu dominio do xogo crendo fielmente na remontada, que chegaría aproveitando un fallo de Javi Benítez, ata entón o mellor do partido, pero que foi incapaz de blocar un tiro afastado, polo que Carlos López recolleu o rexeitamento e enviou o balón á rede, 2-1.
Con este resultado o Bergantiños situouse cuarto na táboa clasificatoria con 38 puntos, os mesmos que ten o Compostela que é quinto. O Salamanca tras este partido é penúltimo con 25 puntos.