O BiciCoruña dobra o número de abonos e conta xa con 29 estacións

1 minutes read

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este luns a nova estación do servizo municipal de BiciCoruña, situada na intersección entre a avenida de Arteixo e a rúa Industrial, no barrio da Falperra. A nova base, que conta con 15 ancoradoiros con senllas bases de carga para os vehículos, xa está aberta para o uso e gozo da cidadanía.

A alcaldesa fixo balance do impacto de BiciCoruña tras a renovación que acometeu o Goberno municipal entre os meses de xuño e xullo do pasado verán, co obxectivo de actualizar o servizo. A día de hoxe, BiciCoruña conta con 5.977 persoas usuarias activas. En termos prácticos, isto supón que o novo BiciCoruña está a un paso das 6.000 persoas abonadas, “co que practicamente dobra o número de usuarias en comparación coa situación previa á renovación do servizo, cando se contabilizaban 3.058 a 12 de xuño deste ano”, detallou Inés Rey, que recalcou que “a meta do Goberno municipal é chegar, no 2023, ás 10.000 persoas usuarias, como mínimo”.

29 estacións de BiciCoruña, xa operativas

Coa apertura desta base na Falperra, xa son 29 as que están operativas actualmente en toda a cidade, Seis delas, foron postas en marcha neste último semestre de 2022, tras a mellora do servizo de BiciCoruña, con 514 bicicletas novas, das que 172 son eléctricas e as outras 342, mecánicas.

Segundo as previsións da área municipal de Mobilidade, as vindeiras bases que entrarán en servizo serán as que xa están instaladas na rúa Canceliña, Orillamar e a rúa Pablo Picasso, nos barrios da Agra do Orzán, Monte Alto e Elviña, só a expensas das derradeiras tramitacións administrativas.