O Bispado de Santiago frea a exhumación dos republicanos asasinados en Bértoa en 1936

2 minutes read

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) que iniciou a procura científica de desaparecidos pola represión franquista no ano 2000, e levou a cabo varias exhumacións en Galicia, leva meses esperando a autorización eclesiástica para poder iniciar os labores de exhumación no cemiterio de Bértoa, en Carballo, onde esperan atopar os corpos de catro republicanos asasinados por forzas golpistas en setembro do ano 1936.

A instancia da familia e dalgúns veciños foi investigado o caso dos catro veciños que foron secuestrados ilegalmente e posteriormente asasinados. Os corpos, que mostraban feridas de bala, apareceron o 29 de setembro de 1936 no Campo de Morgade, en Queo de Arriba, Bértoa (Carballo), e foron enterrados polo párroco e os veciños no cemiterio de Bértoa.

A ARMH ten todos os permisos necesarios pero a autoridade eclesiástica de Santiago de Compostela leva meses alongando o proceso, tardando en dar repostas ás peticións ou argumentando que algún fregueses se opoñen a que se leve a cabo a exhumación. A pesar das numerosas solicitudes da ARMH de veciños e familiares.

En diversos actos públicos a ARMH explicou o ocorrido e a actuación que se quere levar a cabo; e fíxoo acompañada por algúns familiares, veciños e representantes da alcaldía.

A ARMH levou a cabo numerosas exhumacións en Galicia e mantivo relacións cordiais cos diferentes bispados polo que esta é a primeira vez que se atopa con obstáculos no seu labor de axudar ás familias dos desaparecidos pola represión franquista a atopalos para identificalos e poder darlles unha sepultura digna.

No caso de Bértoa trátase de levar a cabo unha actuación en chan apartado dos nichos que non ten dificultades técnicas desde o punto de vista arqueolóxico e forense.

Os nomes dos catro asasinados que se pretenden exhumar son:

Juan Boedo Pardo, de 28 anos, veciño de Cristobo das Viñas (A Coruña). De profesión gasista.

Andrés Pinilla Fraga, de 52 anos. Vivía na Coruña e foi conserxe do Colexio Notarial da Coruña.

Pedro Pinilla Calvete, de 21 anos, nacido na Coruña. De profesión mecánico.

Francisco Miguel Fernández Díaz, de 38 anos. Pintor, ilustrador, libreiro e crítico de arte. Unha das grandes realidades artísticas de Galicia, do seu tempo e nome mítico da pintura galega contemporánea.