Liberar o Evergreen é unha prioridade canto antes e é a esperanza da empresa xaponesa propietaria do buque de bandeira panameña encallado desde o martes na canle de Suez. Un obxectivo máis que difícil se temos en conta que Exipto terá que dragar case vinte mil metros cúbicos de area para liberar o buque. A firma nipoa de transporte marítimo Shoei Kisen traballa en cooperación coa Autoridade da Canle de Suez para retirar a terra na que encallou a proa do buque tras sufrir fortes ventos no medio dunha tormenta de area que azoutou esta semana Exipto e que dificultou a visibilidade. O impacto do bloqueo na economía mundial, con Europa especialmente afectada, é inmediato. Máis de 230 barcos están ancorados en ambas as entradas da canle de Suez á espera de poder navegar, entre eles nove portacontedores da mesma empresa.