O BNG abrirá o debate para dar “un novo status político á nación”


O BNG conmemorou e reivindicou este luns os dereitos nacionais de Galicia con motivo do 85 aniversario do Estatuto do 36, ao que se suma a celebración do 28N a festa do orgullo e da diversidade sexual, “dúas caras da mesma moeda, simbolizan a defensa da liberdade e da democracia, a defensa de dereitos individuais e colectivos”, subliñou a portavoz nacional, Ana Pontón, no arranque da súa intervención. A líder do BNG anunciou unha estratexia de traballo en dous ámbitos: por un lado, reclamar todas as competencias pendentes; por outro abrir un diálogo para darlle a Galicia un novo status político. “Temos claro que necesitamos un novo status que nos recoñeza como unha nación e avancemos en capacidade real para decidir a favor dos galegos e das galegas”, sobre todo cando resulta evidente que no Estado estanse dando pasos para que Euskadi e Catalunya acaden máis poder, “e non podemos permitir que Galicia quede atrás, relegada a unha mera rexión”, advertiu.