A portavoz nacional, Ana Pontón, preguntoulle ao xefe do Executivo galego cando pensa dimitir, toda vez que deixou claro que a súa prioridade non é Galiza senón o PP.
Agora que colle as maletas para Madrid, “co permiso da señora Ayuso”, Pontón lembrou que o detonante que impulsou esa marcha é un novo caso de corrupción “illado” do PP, ante o que reaccionou pedindo lavar o trapos sucios na casa. “Mire por onde, un caso de corrupción do PP converteuse na alfombra vermella que tanto espera para irse a Madrid. Impulsado por un caso de corrupción, que gran logro político!”, ironizou.
“Coa que está caendo, co prezo desorbitado da luz, do gas, dos carburantes, da cesta da compra, unha escalada de prezos que afoga ás familias e a miles de empresas pretende gobernar Galiza desde o teléfono móbil mentres está de xira electoral? Os galegos e as galegas non lle pagan para iso e merecen un respecto”, alegou.
Pontón pechou a sesión de control cun desexo para o aspirante a presidente do Partido Popular: “Agora que se vai para Madrid e vendo como as gastan no seu partido voulle desexar unha cousa de todo corazón: que nunca teña que sufrir as manipulacións e as mentiras que leva vostede dicíndolle ao BNG e a miña persoa”, concluíu.