O BNG acusa ao PP da Xunta de deixadez e inacción para solucionar os asolagamentos da lagoa de Traba de Laxe

O deputado do BNG pola Costa da Morte, Óscar Insua reclamoulle ao PP na Xunta actuacións inmediatas na Lagoa de Traba, no concello de Laxe. O nacionalista alerta do “estado de abandono” no que se atopa este espazo natural, declarado Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) dentro da Rede Natura 2000. Malia todo, o PP non deu ningunha solución concreta para atallar o problema.

O sistema lacunar de Traba, formado polo río do mesmo nome e o rego de Vao, sofre un forte deterioro ambiental pola falta de mantemento das súas ribeiras e pola colonización vexetal descontrolada que estanca o réxime natural das augas. Esta situación está a provocar unha perda progresiva de biodiversidade e tamén importantes problemas para as fincas agrícolas circundantes, que permanecen asolagadas gran parte do ano.

Insua recordoulle ao PP que “levamos seis meses esperando por unha resposta” da Xunta, e advertiu que, como siga chovendo máis, “vailles entrar a auga nas casas” aos veciños e veciñas afectadas polos desbordamentos que atravesan mesmo as estradas, como está a pasar estes días coas sucesivas borrascas.

Insua lembra que o Plan Director da Rede Natura 2000 obriga a garantir o mantemento dos hábitats e procesos ecolóxicos, así como a compatibilidade entre conservación e desenvolvemento sostible. “O que hoxe vemos na Lagoa de Traba é o contrario: abandono institucional que degrada o ecosistema e prexudica á veciñanza”, advertiu.

Ante as respostas do responsable da Xunta, que se limitou a dar conta doutras actuacións realizadas polo Goberno galego noutros lugares, e que sinalou que “antes de actuar, teñen que estudar a situación”,  o deputado nacionalista retrucoulle que “fala de todos os sitios menos do Concello de Laxe, e que non comprometeu nin  un peso para restaurar a Lagoa de Traba”.  “Cantos anos máis teñen que esperar os veciños de Traba para solucionar o problema?”, inquiriu, engadindo que o único que queren é saber se o PP vai limpar o complexo lacunar ou non.

“Non tiñan tanto interese en xestionar o litoral”?, preguntou Insua, emprazando á Xunta a que solucionen dunha vez un problema que leva moito tempo esperando”

O BNG reclama actuar de xeito urxente, non que a Xunta se demore no tempo facendo estudos que xa deberían estar feitos.

Related posts

A nova campaña de Aceites Abril céntrase, entre outros, no Entroido da parroquia carballesa de Oza

O concurso de disfraces de Entroido da Laracha repartirá ata 5.000 euros en premios

Oito empresas presentan ofertas á Xunta para o cambio de cuberta do CPI O Cruce de Cerceda