O BNG acusa o PP de votar contra a veciñanza de Carballo e Malpica negándose a “facer os deberes” na mina do Monte Neme

O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, acusou o PP de votar contra a veciñanza de Carballo e Malpica tras rexeitar no Parlamento unha iniciativa nacionalista para reclamar á Consellería de Industria máis seguridade e máis fondos para facer unha restauración ambiental completa, eliminando calquera perigo existente, na vella mina de Monte Neme.

Insúa criticou que o PP continúe sen “facer os deberes” que lle corresponden na Xunta despois de tanta “neglixencia, pasotismo e deixadez” durante anos da Consellería de Industria, que non actuou malia ter constancia dos risco de que se producise un desastre ambiental como o acontecido o pasado 31 de xaneiro deste ano, unha avalancha de auga con lodo que alcanzou os catro metros de altura e os 10.000 metros cúbicos de volume, arrastrando durante dous quilómetros todo o que atopou por diante.

“Pedímoslle á Xunta que faga os deberes que ten que facer e que dedique menos esforzos á propaganda e os autoeloxios”, asegurou o deputado do BNG, que cualificou de “nefasta” a xestión da Xunta na mina de Monte Neme onde, lembrou, xa no 2014 houbo unha riada de 24.000 metros cúbicos de auga que daquela si chegou ás casas en Razo e Aviño.

Insua, que destacou que o BNG presentou varias de iniciativas no Parlamento sobre Monte Neme desde a pasada lexislatura, insistiu en que é necesario un novo plan de emerxencias con medidas preventivas e máis fondos para a restauración ambiental, pois as cantidades que están habilitadas van ser insuficientes, alegou.

A iniciativa nacionalista reclamaba así mesmo a revisión de todas aquelas zonas mineiras de Galiza que estean abandonadas e que poidan estar na mesma situación que Monte Neme. A negativa dos populares a aceptar este punto, denunciou o deputado, “di moito do modelo mineiro polo que aposta o PP, que prefire vender o slogan da minería sustentable que realizar o traballo de campo analítico e de prevención que sería necesario”.

Durante a súa intervención na Comisión 6 ª do Parlamento, Insua lamentou, por outra banda, que a conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, continúe sen dar explicacións de por que se tardaron seis horas en activar a alerta tras a última avalancha de xaneiro, pois non foi até as nove da mañá cando se deu o aviso malia que foi ás tres da mañá cando unha veciña advertiu do sucedido cunha chamada ao 112.

Do mesmo xeito, reprobou que desde a Consellería intenten botarlle a culpa do sucedido ás choivas  rexistradas cando, subliñou, en Malpica nos últimos cinco anos houbo seis meses con máis precipitacións que este último mes de xaneiro. 

O deputado nacionalista instou máis unha vez a asumir responsabilidades á conselleira, á que acusou de mentir no último Pleno do Parlamento ao asegurar que o plan de restauración da mina non recolle o bombeo ao que o BNG apuntou como unha posible causa do accidente rexistrado. “Está na páxina tres”, aclarou Insua, que cualificou de “brinde ao sol” a emenda do PP á iniciativa do Bloque porque “da por feito que todo está ben”. 

Related posts

De Vacas actuará en Carballo o 7 de marzo dentro da conmemoración do 8M

O Sendeiro de Saldoiro de Caión obtén de novo o distintivo ‘Sendero Azul’

CCA Carballo pechará este domingo a campaña “Namórate do teu comercio” cun xogo de Cupido