O BNG acusa PSOE e PP no Pleno de «mirar para outro lado» ante o problema da vivenda en Vigo

3 minutes read

A fronte nacionalista critica o voto en contra do grupo socialista e a abstención popular, este luns, na moción coa que o Bloque demandou medidas urxentes dos Gobernos galego, español e local fronte á emerxencia habitacional e aos elevados prezos dos alugueiros na cidade.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, lamentou que o Goberno de Abel Caballero se limitase na sesión plenaria a sinalar á Xunta de Galiza. «O PP chega tarde porque en realidade non queren chegar, porque para eles a vivenda é unha mercadoría coa que faceren negocio e non un dereito», valorou.

Unha cuestión que, remarcou Igrexas, é denunciada de forma reiterada polo Bloque, tamén na moción, pero que non resta responsabilidade do Goberno local. «Non chega con que digan que a culpa é do PP, as miles de familias traballadoras e de mozas e mozos que non encontran unha vivenda accesíbel precisan feitos e non discursos», afirmou.

Cuestionou a ese respecto a falla de iniciativas do Goberno municipal ante o problema da vivenda a pesar de contar cun orzamento que supera os 400 millóns de euros, do que non executa unha cuarta parte. «As viguesas e vigueses pregúntanse que fai e que quere facer o seu Concello ante este grave problema», interpelou.

Dende o BNG denunciaron que esta «inacción» está xerando unha «enorme frustración» na sociedade viguesa, que mentres escoita anuncios por parte de ambas administracións ve como a situación da vivenda se agrava, con prezos do alugueiro que xa superan de media os 700 euros mensuais.

Para o portavoz municipal resulta «evidente» que o Goberno de Caballero ten competencia en materia de vivenda cando agora promete unha Empresa Municipal de Vivenda «da que non hai nada máis que unha comisión para falar entre vostedes mesmos» ou un Observatorio da Vivenda «do que non consta que moveran un só papel».

Igrexas trasladou tamén a situación das 21 persoas que residen na pensión Nosa Señora do Carmen, ameazados de desaloxo a finais de ano, algúns deles presentes na sesión plenaria para pedir unha alternativa habitacional. «Que broma pesada é que lles digan que van pagar unha mensualidade cando perciben unha Risga ou unha PNC, onde van conseguir un alugueiro na cidade?», reprochou en resposta á concelleira de Urbanismo, quen afirmou que estaban sendo acompañados polo Concello.

Medidas de Xunta, Goberno español e Concello

A moción do BNG tombada no Pleno reclamaba medidas de todas as administracións para facer fronte ao principal problema social na cidade. Entre elas, a necesidade de garantir alternativas habitacionais para as viguesas e vigueses en situación de exclusión ou risco de desafiuzamento. «Ningún despexo máis en Vigo sen alternativa», volveu esixir o portavoz municipal do Bloque.

A fronte nacionalista insistiu en que o Goberno de Alfonso Rueda debe exercer «dunha vez» as súas competencias na maior cidade do país para frear os prezos da vivenda. Unha demanda que a iniciativa nacionalista tamén dirixía ao Goberno español, chamando a cooperar coa administración galega e facendo que a Sareb, o ‘banco malo’, deixe de actuar como un «fondo voitre» e ceda os inmóbeis para un parque social de vivenda.

En relación ao Goberno municipal, Igrexas advertiu de que o alcalde, Abel Caballero, pretende agora «simular que fai algo» pero sen aplicar ningunha medida concreta. Evidenciou esta falla de vontade no feito de que o Goberno de Caballero non teña executado ningunha das medidas aprobadas polo Pleno en marzo de 2024, a través doutra moción do BNG, como a tramitación para que Vigo sexa declarada zona tensionada, unha moratoria de pisos turísticos, un Plan Facilitador do Alugueiro e a mobilización das 22.000 vivendas baleiras da cidade.