O BNG afea a oposición do PSOE a actuar fronte á situación das infravivendas en Vigo

1 minutes read

A fronte nacionalista lamenta o rexeitamento da súa moción ao Pleno municipal que pedía cooperación da Xunta e do Concello para para despregar con urxencia alternativas habitacionais dignas e estábeis na cidade, entre outros acordos.

“O tráxico incendio no edificio de Afonso X e o desaloxo de dous inmóbeis na rúa Fisterra deixaron en evidencia as deficiencias na atención da vulnerabilidade social por parte da Xunta e do Concello”, valorou durante a sesión plenaria o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen lamentou que ambas administracións entraran nun “indecente” intercambio de acusacións para esquivar a súa responsabilidade nestas situacións.

Igrexas cuestionou a “inacción” dos Gobernos local e galego diante do grave problema de acceso social á vivenda en Vigo, e que amosaron nestes casos “con toda crueza” a existencia de vivendas sen as mínimas condicións de seguridade e habitabilidade. “Un feito que non era descoñecido para PSOE e PP”, lembrou. Unha situación que se está vendo agravada no actual contexto de crise, con subas dos prezos dos alugueiros por riba do 50% nos últimos anos, todo a pesar de existir máis de 20 mil vivendas desocupadas na cidade.

O portavoz nacionalista criticou tamén o “cinismo” do PP a respecto destas situacións, aproveitando unha situación dramática para estender o seu discurso “reaccionario” sobre a ocupación “cando o edificio inda estaba quente”. Rexeitou ademais a emenda formulada polo grupo popular que pretendía “branquexar” a inacción do Goberno galego neste caso.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?