O BNG afea a oposición do PSOE a actuar fronte á situación das infravivendas en Vigo

A fronte nacionalista lamenta o rexeitamento da súa moción ao Pleno municipal que pedía cooperación da Xunta e do Concello para para despregar con urxencia alternativas habitacionais dignas e estábeis na cidade, entre outros acordos.

«O tráxico incendio no edificio de Afonso X e o desaloxo de dous inmóbeis na rúa Fisterra deixaron en evidencia as deficiencias na atención da vulnerabilidade social por parte da Xunta e do Concello», valorou durante a sesión plenaria o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen lamentou que ambas administracións entraran nun «indecente» intercambio de acusacións para esquivar a súa responsabilidade nestas situacións.

Igrexas cuestionou a «inacción» dos Gobernos local e galego diante do grave problema de acceso social á vivenda en Vigo, e que amosaron nestes casos «con toda crueza» a existencia de vivendas sen as mínimas condicións de seguridade e habitabilidade. «Un feito que non era descoñecido para PSOE e PP», lembrou. Unha situación que se está vendo agravada no actual contexto de crise, con subas dos prezos dos alugueiros por riba do 50% nos últimos anos, todo a pesar de existir máis de 20 mil vivendas desocupadas na cidade.

O portavoz nacionalista criticou tamén o «cinismo» do PP a respecto destas situacións, aproveitando unha situación dramática para estender o seu discurso «reaccionario» sobre a ocupación «cando o edificio inda estaba quente». Rexeitou ademais a emenda formulada polo grupo popular que pretendía «branquexar» a inacción do Goberno galego neste caso.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha