O BNG afea a ‘submisión’ de Rueda con Ayuso por non defender a alta velocidade entre Vigo e Portugal

1 minutes read

Así o criticaron este martes o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o voceiro municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, que reiteraron o compromiso da fronte nacionalista coa Saída Sur.

Rego e Igrexas lamentaron que ningún dirixente do PP galego e vigués desautorizaran e rexeitaran as recentes declaracións de Ayuso pedindo priorizar a liña entre Lisboa e Madrid. «Son un ataque frontal contra unha infraestrutura estratéxica e fundamental para a área de Vigo e para Galiza», subliñaron, contrapoñendo este «silencio cómplice» do PP co compromiso conseguido polo BNG no acordo de investidura para facer realidade a Saída Sur no ano 2030.

«O Bloque levamos moitos anos reclamando ao Goberno español que faga a súa parte que é avanzar na conexión ferroviaria entre Vigo e a fronteira portuguesa, apenas 35 quilómetros», lembrou Rego, quen destacou os avances do actual Goberno portugués coa liña do Eixo Atlántico, coa licitación do primeiro tramo entre Porto e Aveiro a pasada semana, para unir por tren de alta velocidade Galiza e Portugal, a fronteira europea con maior número de persoas circulando a diario.

«Nin o presidente saínte da Xunta, Alfonso Rueda, nin os seus recadeiros na cidade, a principiar pola presidenta do PP de Vigo, a señora Marta Fernández Tapias, dixeron nada para defender os intereses de Vigo e de Galiza», cuestionou pola súa banda o portavoz municipal do BNG de Vigo. «A súa submisión é total á cacique madrileña do seu partido».