O BNG alégrase da posta en marcha inmediata do servizo oncohematolóxico da Costa da Morte

1 minutes read

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Óscar Insúa, levou á Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego unha Proposición Non de Lei para exixir a posta en funcionamento inmediata do servizo oncohematolóxico do Hospital Comarcal da Costa da Morte.

Insua recordou durante a súa intervención que, 28 anos despois da apertura do centro hospitalario, os veciños e veciñas da comarca seguen tendo que desprazarse á Coruña para recibir tratamentos de quimioterapia, unha situación que cualificou de «falta de dignidade» para unha comarca que «paga os mesmos impostos» que as zonas urbanas e que, por tanto, debe dispor dos «mesmos servizos».

A pesar de que Insua recoñeceu que as obras xa están rematadas, o equipamento instalado e as prazas cubertas no papel, salientou que «o servizo segue sen funcionar». «Está todo o medicamento na estantería, pero os tratamentos aínda non se empezaron a dar” lamentou.

Por iso, e despois de levar varias iniciativas sobre este mesmo tema, o BNG presentou unha emenda para instar á Xunta a «axilizar todos os trámites necesarios» e poñer en marcha o servizo «neste mes de novembro». Unha petición que contou co apoio unánime do Parlamento, que busca acabar cunha inxustiza histórica coa Costa da Morte.

Oscar Insua finalizou a súa intervención reivindicando «dignidade» para a comarca e lembrando que a loita non é só por este servizo, senón por dotar ao hospital doutras especialidades deficitarias como psiquiatría, ADU, urxencias 24 horas, neuroloxía ou cardioloxía completa, para deixar de ser «un hospital de terceira» e convertelo dunha vez por todas, nun «hospital de primeira».