O BNG da Costa da Morte vén de amosar o seu apoio ao persoal de limpeza do hospital comarcal “Virxe da Xunqueira” de Cee, que está a esixir a equiparación salarial e laboral coas compañeiras e compañeiros que prestan o mesmo traballo noutros hospitais do Sergas, e que desde a semana pasada están levando a cabo mobilizacións e xornadas de folga convocadas pola CIG para que se atendan as súas reivindicacións.
O deputado da formación nacionalista pola comarca, Oscar Insua, acompañou ás traballadoras e traballadores da limpeza nunha nova concentración que realizaron na mañá deste mércores 26 de novembro diante do centro hospitalario de Cee. O colectivo afectado expresou o seu malestar e indignación polo desprezo absoluto que están a recibir por parte do Sergas, dependente da Xunta de Galiza.
O parlamentario nacionalista aproveitou para escoitar as demandas e inquedanzas do persoal de limpeza e transmitirlle todo o apoio do BNG da Costa da Morte. Ademais, trasladoulles que o grupo parlamentario nacionalista na Cámara do Hórreo está dando seguimento á súa problemática, que tamén afecta ás limpadoras e limpadores dos hospitais comarcais do Salnés (Vilagarcía) e do Barbanza (Ribeira).
Desde o BNG lembran que, tal e como leva apuntando a CIG, o servizo de limpeza do hospital “Virxe da Xunqueira” está externalizado e o persoal réxese polo respectivo convenio provincial da limpeza, polo que teñen peores condicións salariais e sociais que as das compañeiras e compañeiros que realizan o mesmo traballo nos hospitais de referencia da súa área sanitaria, ao contar coas condicións equiparadas ás do Sergas.