O Bloque Nacionalista Galego aposta por poñer en marcha unha liña central de transporte alternativo entre Navia e Teis. Así o anuncio este xoves o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que propuxo dotar a cidade dun transporte articulado que sirva de “espiña dorsal” para conectar coa rede de bus urbano, para a que chamou a deseñar un novo mapa de liñas e mellorar frecuencias e horarios para dar “alternativas reais” ao uso do coche privado. “Dentro da aposta estratéxica do BNG para avanzar cara a unha cidade moito máis habitábel e verde, consideramos fundamental potenciar de verdade o transporte colectivo”, defendeu Igrexas, que asegurou que existen na actualidade avances tecnolóxicos que permitiría poñer en marcha esta liña central con algunha modalidade de transporte articulado, como tranvías sen catenaria, trolebús ou metro lixeiro.
0