O BNG aposta por unha desescalada galega, pero consensuada no Parlamento

1 minutes read
  • A líder do BNG, Ana Pontón, afirma que Feijóo dedícase a gobernar Galicia dende unha pantalla de televisión.

O BNG aposta claramente por unha desescalada deseñada desde Galicia para saír progresivamente do confinamento e afrontar as consecuencias da crise con medidas adaptadas á realidade do país. Por contra, rexeita unha visión uniforme e centralista sen ter en conta a diversa situación dos territorios, incluso en termos epidemiolóxicos. Pero a estratexia debe ser pactada no Parlamento, posición que a portavoz nacional, Ana Pontón, vai transmitir ao presidente da Xunta no encontro que este domingo está previsto coas forzas políticas. O consenso, a colaboración para actuar con eficacia nesta crise sen precedentes é, para o BNG, esencial, quen denuncia a incoherencia dun PP que fai en Galicia o contrario do que reclama en Madrid.

A líder nacionalista volveu criticar a ausencia do xefe do Executivo da Cámara lexislativa: “non é de recibo que no medio desta pandemia fuxa do Parlamento e debe ter claro que non se pode gobernar Galiza desde unha pantalla de televisión, non queremos un telepresidente, queremos que haxa diálogo no Parlamento galego, que se analicen as propostas e que se pacten para sumar polo ben do País e isto é o que lle imos trasladar na reunión prevista este domingo cos partidos políticos”.