O BNG aposta por unha «fronte común» para cambiar a reforma laboral


O BNG reclamou este luns unha «fronte común das forzas soberanistas e progresistas» con representación no Congreso para mellorar a reforma laboral aprobada a pasada semana no Consello de Ministros ao considerar que non é unha «derrogación real» do texto elaborado polo PP en 2012.

A reforma laboral necesita validarse no Congreso dos Deputados e, por iso, a líder do BNG, Ana Pontón, considerou en rolda de prensa que se debe empregar o proceso parlamentario para «esixir» ao Goberno que cumpra coa derrogación da norma do PP, que foi un dos principais compromisos adquiridos polo PSOE e por Unidas Podemos, lembrou.

Segundo Pontón, é moi grave que un Consello de Ministros no que sentan persoas que se declararon o Goberno máis progresista da historia opte por manter unha lexislación laboral que supuxo a perda de dereitos, máis temporalidade e máis precariedade para os traballadores.

Do mesmo xeito, o deputado no Congreso da formación nacionalista, Nestor Rego, cargou contra a modificación acometida polo Executivo de coalición que é evidente que non é unha derrogación porque cambia moi pouquiñas cousas e, sobre todo e o máis grave, mantén os elementos máis lesivos da reforma do PP, dixo.

Rego sinalou que o decreto redactado é un claro incumprimento das promesas electorais e dos compromisos asinados por escrito coas forzas políticas polo que trae consigo unha decepción e unha nova frustración para os cidadáns.

O BNG contactará con formacións como ERC ou EH Bildu para presentar emendas que de verdade melloren o mercado laboral e co obxectivo de modificar en positivo a lexislación.