O BNG aumenta a súa motivación de cara ao 10-N

1 minutes read

Arrincou na medianoite deste venres, 1 de novembro, a carreira de cara ás eleccións xerais do vindeiro día 10.

Ningún dos líderes estatais escolleu Galicia para iniciar a campaña, aínda que prácticamente tódalas formacións celebraron actos na nosa comunidade.

Caso distinto foi o do BNG, que deu o pistoletazo de saída de cara ao 10-N na zona coruñesa de Catro Camiños.

Arredor de 250 persoas asistiron a un acto de pegada de carteis no que participaron María Xosé Bravo, Francisco Jorquera, o cabeza de lista ao Congreso por A Coruña, Néstor Rego, e a Portavoz Nacional, Ana Pontón.

Os nacionalistas apelaron ao lema «Desta Vai» para propiciar a volta da formación ao Congreso, onde non teñen representación dende 2015.

Bravo dedicou boa parte da súa intervención a poñer en valor os investimentos acadados para Galicia durante a representación dos nacionalistas en Madrid, en comparación cos recibidos nos últimos anos.

O candidato Rego defendeu a loita da formación en sectores estratéxicos para Galicia como a industria ou a pesca, ante a falta de actividade das formacións de Madrid.

Por último, Ana Pontón criticou o desinterese das forzas estatais en Galicia e apelou a evitar o cansancio no electorado. Pontón dixo que sempre estarán a pé de rúa e criticou a redución da campaña electoral de outras forzas «que teñen ás cadeas de televisión traballando para eles».