A portavoz nacional, Ana Pontón, considera necesario repensar e actualizar o sistema cultural galego con rigor, e avanzou o inicio do proceso para a elaboración dunha Lei Galega dos Dereitos Culturais e do Sistema Público da Cultura, que será “resultado dun proceso participativo que conte cos principais axentes implicados no sector”, indicou. Na comparecencia estivo acompañada por Mercedes Queixas, portavoz de Cultura e Lingua do BNG.
A elaboración desta lei na que está traballando o BNG contará coa colaboración de asociacións e persoas expertas na materia e, ademais, actualizará o sistema cultural e o seu mapa de axentes, adaptará aos novos tempos as institucións que rexen a cultura e promoverá a cooperación e coordinación entre o conxunto de administracións con competencias no sector.
Neste sentido, a líder do Bloque declarou que “consensuarán unha lei que debera de ser de País, porque a cultura, a lingua e a identidade merecen que os partidos políticos, os axentes culturais e a cidadanía acaden o consenso, ao que dende o BNG apelamos”.