O BNG de Carballo ve relación entre a convocatoria de eleccións e a visita de membros da Xunta ao concello

Membros do BNG Carballo_Foto de arquivo

  • Os nacionalistas lamentan que as visitas dos membros da Xunta sexan “partidistas”, xa que non poden convocar ao resto dos partidos políticos

Desde o BNG de Carballo sinalan que, coa convocatoria de eleccións para o 5 de abril, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, desvelou este luns “o misterio da avalancha de visitas de cargos autonómicos que estamos a recibir nos últimos días”.

Segundo os nacionalistas “o que non fixeron en dez anos queren facelo en dez días, e como non poden visitar obras, porque os investimentos da Xunta no noso concello son case inexistentes, dedícanse a prometer infraestruturas que xa deberían estar feitas”. Estas obras corresponderíanse coa ampliación do polígono de Bértoa ou a circunvalación, cuxa construción figurou xa nos Orzamentos da Xunta cando aínda non gobernaba o Partido Popular.

Desde o BNG lamentan non asistir á visita que fixo este luns ao polígono a Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto, pero sinalan que non recibiron invitación, polo que non puideron convocar ao resto dos grupos municipais. “Non estivo o grupo maioritario da corporación que está no goberno, pero si un grupo minoritario, o cal volve a demostrar que as visitas dos conselleiros e conselleiras a Carballo non son actos institucionais da Xunta senón do PP”, recalcaron desde o partido nacionalista.