O BNG carga contra a eliminación do servizo sanitario de urxencias en Carnota

2 minutes read

A formación nacionalista carnotá amosara xá precisamente en abril a súa preocupación pola situación, e tomou a iniciativa a través do parlamentario Oscar Insua, que realizou unha pregunta ao respecto ao Goberno galego, que contestou indicando que o Decreto 31/2026, de abril deste ano, modificou o plan de urxencias extrahospitalarias para oficializar o funcionamento durante 24 horas dos puntos de atención continuada os sábados. Este cambio provocou que a atención urxente das mañás dos sábados pasase a prestarse nos puntos de atención continuada (PAC) de referencia.

No caso de Carnota, a veciñanza seguirá tendo que desprazarse a Muros, que é o PAC que lle corresponde logo da decisión adoptada co citado decreto pola Consellería de Sanidade. Os nacionalistas advertiron do prexuízo que iso suporá para os usuarios e usuarias en canto a gastos e tempo polo desprazamento.

«Ante a falta de información por parte do goberno municipal, desde o BNG de Carnota actuamos para que a veciñanza saiba cal é a situación do servizo sanitario e da atención médica dos sábados pola mañá», afirmou o candidato do BNG de Carnota á alcaldía para as vindeiras eleccións municipais, Primitivo Pedrosa, que apuntou que «non se pode entender a falta de interese e o desleixo do equipo de goberno ante un problema tan grave como é a falta de servizos públicos no noso municipio debido ás políticas nefastas do Partido Popular».

Pedrosa manifestou que «a Xunta énchese a boca de dicir que apoian ao rural, pero a realidade é que están desmantelando os servizos pouco a pouco; agora tocoulle á atención sanitaria dos sábados pola mañá, pero xa levamos máis de dous anos sen que as familias de Carnota teñan un especialista en pediatría para as súas crianzas; é unha vergonza».

«A este paso o despoboamento irá a máis e imos quedar catro neste pobo, porque a xente marcha para onde hai servizos», concluíu o dirixente do BNG carnotá.