O Consello Nacional do BNG adoptou o acordo de manter a celebración do Día da Patria Galega o 25 de xullo, adaptando a súa realización ás circunstancias e garantías sanitarias vixentes no actual contexto marcado pola pandemia do COVID-19. As limitacións sanitarias e legais que se nos presentan obrígannos, para posibilitar unha ampla participación popular, a organizar un Día da Patria Galega “expansivo e descentralizado”, cun acto central en Compostela, e outros nas cidades da Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense, contando con todas as comarcas, afirman desde o BNG. Todos os actos darán comezo ás 12.00 horas da mañá do 25 de xullo. Ás 12.45 horas producirase, desde todas as cidades, unha conexión simultánea co acto político que se estará celebrando na praza da Quintana, en Compostela. Con ese motivo, en cada cidade disporase dunha ampla pantalla localizada no espazo central, accesíbel visualmente para @s asistentes.