O BNG, xunto coas forzas soberanistas con representación nas cámaras estatais, asinou un manifesto e convoca as galegas e galegos a responder á chantaxe das eléctricas o vindeiro 8 de outubro, a través dun apagón eléctrico masivo e unha cazolada entre as 22h e as 22.30h. As organizacións políticas chaman ás organizacións sociais e sindicais, así como tamén ás administracións públicas a secundar a iniciativa “para enviar unha clara mensaxe desde as nosas nacións”.
Baixo o lema “Desconecta as eléctricas. Frente a súa estafa, soberanía enerxética!” as formacións soberanistas únense para denunciar a inacción do Goberno do Estado ante o prezo da luz en máximos históricos e o empobrecemento da cidadanía. Esta situación, segundo sinalan, débese á privatización do sistema eléctrico a través dos gobernos estatais de PP e PSOE.
