O BNG cifra en 1.000 M€ para Galicia o seu apoio aos orzamentos do Estado

1 minutes read

O BNG ten toda a disposición a negociar co Goberno do Estado pero o voto favorable aos orzamentos de 2021 ten unha cifra concreta: un investimento territorializado de mil millóns de euros en Galicia como contía mínima. A formación nacionalista valora os elementos positivos desas contas, como a redución histórica nas peaxes da AP9 grazas ao acordo de investidura, que demostra que ter “voz propia” no Congreso é clave para defender os intereses dos e das galegas, fronte as forzas estatais que se alternan nos recortazos a Galicia. Pero non é suficiente.

Nunhas contas que medran un 20%, no que as partidas de investimentos reais e transferencias de capital soben un 138%, -explicou o deputado nacionalista, Nestor Rego,-, Galicia baixa un 11% “e iso é o que queremos cambiar” durante a tramitación. Pola súa banda a portavoz nacional, Ana Pontón, afirmou: “O que temos claro no Bloque é que imos defender os intereses de Galicia e iso significa que o investimento mínimo debe ser de 1.000 millóns de euros se o Goberno de Sánchez quere contar co noso apoio”.