O BNG define criterios de reparto e pon números ao que Galicia debe aspirar a recibir do fondo COVID europeo, o denominado Next Generation UE: un mínimo de 12.600 millóns de euros, o equivalente ao 9% da contía total. Unha proposta moi superior a cifra anunciada até agora polo Goberno de Feijóo e que foi concretada pola portavoz nacional, Ana Pontón, no encontro interinstitucional Parlamento galego, Eurocámara, Congreso e concellos. Fronte a un presidente da Xunta que se gaba de anticipación, Pontón ve “un Goberno sen ambición, que renuncia ou que non se atreve a fixar unha cifra mínima para Galicia. Dicir que se anticipa cando os proxectos presentados son unha cuarta parte do investimento fixado por outros territorios como Euskadi resulta cutre. De momento, falta estratexia e sobra literatura”, criticou, ao tempo que denuncia falta de transparencia nos proxectos anunciados sen que se coñezan criterios, obxectivos nin a quen benefician. O BNG pide transparencia e propón que os proxectos sexan analizados na Comisión de reactivación económica e social e que o Parlamento valore a súa idoneidade e determine se son o que o país necesita e insta a non repetir os erros do pasado.
35