O BNG compromete un feminismo de KM0 no ámbito municipal e chama a mobilizarse

1 minutes read

A coordinadora de Acción Feminista do BNG, Noa Presas, trasladou o firme compromiso da formación nacionalista de desenvolver no ámbito municipal “un feminismo de KM0, próximo, participativo e pegado á realidade para transformala e para que as nosas políticas públicas sexan garantes de avance en igualdade”.

Nun encontro con concelleiras do Bloque, no que tamén participaron a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e a coordinadora da Executiva Nacional, Goretti Sanmartín, Presas defendeu “outra forma de facer política”, a que integra a perspectiva de xénero e aposta por poñer “lentes lilas” porque, segundo recalcou, “os concellos feministas non benefician só ás mulleres, benefician ao conxunto da sociedade”.

Neste sentido, fronte a modelos urbanos masculinos «impostos por gobernos que deixaron á marxe ás mulleres» e tomando como referencia o traballo da arquitecta brasileira Carina Guedes, subliñou a aposta do Bloque por levar ao ámbito municipal «un feminismo de KM0, próximo, que defende a sostibilidade da vida e os espazos para camiñar con seguridade e comodidade».

A coordinadora de Acción Feminista do BNG rematou facendo un chamamento ás mobilizacións sociais deste 8M para esixir “algo tan simple, pero tan necesario como recolle o noso lema: queremos todos os dereitos e querémolos xa”.