O BNG congratúlase de que a Xunta negocie co Estado unha solución ao problema da area en Laxe

Praia de Laxe_BNG

O BNG emitiu un comunicado no que, ao respecto desta nova da que informabamos este domingo, afirma que «nunca é tarde cando a dita é boa».

Despois da apertura de tres expedientes por parte da oficina do Valedor do Pobo, dunha denuncia na Fiscalía delegada de medio ambiente de Galicia, da aprobación dunha proposición non de lei no Parlamento Galego e do rexeitamento de moitas outras iniciativas, de levar o tema en catro ocasións ao Congreso dos Deputados e incluso ao Parlamento Europeo, de manter incontables reunións con Portos de Galicia e coa Demarcación de Costas, dunha recollida de sinaturas en change.org, de celebrar a manifestación máis multitudinaria da historia do concello e de todas as preguntas, mocións e demais iniciativas que vimos presentando dende os anos noventa, a Xunta de Galicia asume as reiteradas demandas do BNG e anuncia que se porá en contacto coa Dirección Xeral de Costas para, e citamos palabras textuais, «pedir información e analizar posibles solucións á acumulación de area que se vén detectando de forma recorrente nos últimos anos nunha parte da praia de Laxe».

Non hai nin un mes, na Comisión 8ª do Parlamento de Galiza, o grupo que goberna na Xunta votou en contra dunha nova iniciativa do BNG na que, precisamente, se instaba «á Xunta e ao Goberno do Estado a traballar de xeito coordinado para buscar unha solución técnica definitiva a un problema que, na nosa opinión, é moi grave, posto que afecta á seguridade marítima», ademais da execución, dentro deste ano, dunha actuación de rexeneración para devolver á praia de Laxe o seu perfil orixinario.

Un mes despois, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda comprométese a facer exactamente o que pedía o BNG. Nunca é tarde cando a dita é boa, di o refrán, e oxalá desta volta o compromiso sexa firme e serio e non só un xesto máis de cara á galería. Dende o BNG insistimos en que a solución definitiva debe ser consensuada entre a Xunta, como titular do porto, e o Goberno central, que debe autorizar a actuación. E esa solución pasa pola reforma integral do porto, «unha obra de envergadura, cun custe elevado e que require vontade política, pero, sobre todo, colaboración entre administracións e compromiso orzamentario. É o que solicitamos dende o BNG», declarou o deputado nacionalista Daniel Pérez.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha